20/02/2009

Os inmigrantes: ¿persoas ou estorbos?

O Estado español viviu durante os últimos anos tempos de bonanza e de florecemento económico que precisou da entrada masiva de inmigrantes. O país daba a imaxe de ser un auténtico Eldorado, onde as oportunidades de traballar e de enriquecerse estaban ao alcance de calquera. O tecido empresarial funcionou mentres os sectores da construción e dos servizos tiñan a capacidade de absorber esta man de obra, na maior parte pouco cualificada. O Estado español aproveitouse dos dous millóns de traballadores que chegaron a través de diversas vías e que tamén contribuíron ao crecemento económico ao que xa estabamos acostumados e que pensabamos que non remataría nunca. Os inmigrantes tiñan unha fe ilimitada na economía do país e iso fixo que chegasen a pensar que nunca se acabaría o ciclo de enviar remesas de diñeiro aos seus países ou, mesmamente, na posibilidade de converterse aquí en propietarios de bens inmobles. Moitos deles asinaron a correspondente hipoteca, pois tiñan asegurado un posto de traballo fixo a través dos contratos que lles facían as empresas, moitas delas case multinacionais, como a do «Pocero 1», «Pocero 2», Martinsa e outras polo estilo.

Mágoa que os soños teñan unha duración definida, pois os problemas actuais que trouxo a crise que nos abafa aos cidadáns estanse a converter en verdadeiros pesadelos. E agora vemos que nos atopamos na fase na que Eldorado soñado empeza a ser un inferno para todos, tamén para estes inmigrantes que se ven acosados polas mesmas autoridades que un día lles abriron as portas e recibiron cos brazos abertos, prometéndolles papeis e, en moitos casos, a nacionalidade. Estamos vendo estes días como o acoso das autoridades a moitos inmigrantes chega a través de redadas policiais. Agora do que se trata é de expulsalos do territorio, xa son un estorbo, pero ata hai ben pouco tempo eran imprescindibles porque eran man de obra barata. Algúns inmigrantes están facendo as maletas e marchan para os seus países de orixe, pero outros moitos seguen aquí entre nós, pois cotizaron á Seguridade Social e teñen dereito á sanidade, ao paro e á educación pública dos seus fillos. É a factura que ten que pagar o Estado que no seu momento non foi capaz de prever as consecuencias sociais e económicas dunha inmigración indiscriminada cando xa se vía que o crecemento económico aloucado tería que explotar, e vaia se explotou. Non pode agora a sociedade nin a Administración acusar os inmigrantes da crise económica pois, se algo fixeron, foi contribuír a un crecento que hai uns anos resultaba inimaxinable. Cómpre dicir que este crecemento económico non foi máis que a creación dun xigante con pés de barro, hoxe xa non se lles pode botar a culpa aos que día a día traballaron coas súas mans na construción dese xigante porque aquí os únicos responsables son os que o deseñaron ignorando a necesidade de dispoñer duns cimentos sólidos.

Nenhum comentário: